A XII Festa da pandeira de Cervantes reúne pandeiras de Lugo, Castela e León e Asturias

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e a Presidenta da Asociación Cultural O Teixeiro, Isolina Rodríguez, presentaron este xoves, no Pazo de San Marcos, a XII Festa da pandeira, que terá lugar este sábado, 26 de agosto, na parroquia de Donís, no municipio cervantino.

É unha das citas máis consolidadas na Serra dos Ancares, que promove a tradición musical da contorna. Reunirá a case unha decena de pandeiras de Lugo, Asturias e Castela León, consideradas como as mellores destas zonas. Haberá obradoiros gratuítos para aprender a tocar este instrumento e os seus bailes da man de profesionais.

Santos Ramos subliñou que “o Goberno Provincial converte á Deputación na principal patrocinadora desta cita, cunha achega de 2.500 euros, a través do Plan Estratéxico de Turismo, colaborando, deste xeito, co Concello de Cervantes e cos veciños”.

Pandeiras, obradoiros e homenaxe

A Festa da pandeira congregará ás recoñecidas como as mellores pandeiras da provincias de Lugo, así como de zonas de Asturias e León. Tocarán Aurelia da Fonte, Inés de Naipes, Lidia de José de Rexe, Rosa del Rincón Cunqueiro, “Marilú d´el Corralín”, Valentina González, Argentina Frey, Dulcinea Villar e Amparo Voces.

Como novidade, este ano haberá un obradoiro de baile con pandeira, totalmente gratuíto, na que se fará unha introdución didáctica á pandeira e ás distintas maneiras de tocala en cada territorio, a cargo de Xavier Iglesias.

Haberá, ademais, máis de dez colaboracións musicais, con instrumentos como a gaita, o caixón ou o acordeón, entre outros. Cada edición dedicase a unha das tocadoras ou tocadores da pandeira que participan neste encontro. Este ano, homenaxearase a Fernando da Casanova, de Vilanova do Pedregal, un tocador do Concello de Cervantes.

Programación

A XII Festa da Pandeira do Piornedo, que reunirá a máis de 300 persoas, ofrecerá a seguinte programación de actividades:

Ás 11:30 horas comezará o obradoiro de baile con pandeira.

Ás 13:00 horas terá lugar a chegada das tocadoras e colaboradoras a Piornedo dende os seus lugares de residencia.

Ás 14:00 horas na escola do Piornedo comezará o xantar homenaxe, co obxectivo de reforzar lazos de fraternidade.

Ás 16:00 horas Charla-Coloquio sobre a pandeira a cargo de Rafael Busto (Ponferrada) e Xermán Muiños (Santiago de Compostela).

Ás 17:00 horas no Quintairo das ovellas de Piornedo, comezarán as actuacións das tocadoras e grupos participantes.

Ás 20:00 horas terán lugar as interpretacións espontáneas por parte do público que queira sumarse á festa.

Ás 22:00 horas para clausurar a Festa da Pandeira terá lugar a Polavila nocturna.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com