13,00 h.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirase cos presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e Darío Campos, e co deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. A reunión terá lugar no Gabinete da Vicepresidencia (Bloque V, 3º andar) foto xon crespo 27/07/17

A Xunta de Galicia oponse á equiparación salarial dos bombeiros lucenses

A Xunta de Galicia oponse á equiparación salarial dos parques provinciais de bombeiros de Lugo, que defende o Goberno da Deputación. Así o informou o presidente do ente provincial, Darío Campos Conde, esta mañá na rolda de prensa posterior ao encontro que o titular provincial lucense, xunto ao Presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso; e ao Deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López; mantiveron co Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, para estudar a situación dos parques provinciais de bombeiros galegos; así como o cambio do modelo de xestión cara o público, tal e como avogan os 3 organismos provinciais.

Campos Conde trasladoulle ao Vicepresidente a necesidade de igualar os soldos dos profesionais que prestan o servizo contra incendios na provincia de Lugo, aos de Ourense pois “é de xustiza que polo mesmo traballo e as mesmas responsabilidades, mesmo soldo”, pois estes profesionais cobran 3.000 euros menos que os do resto de Galicia cando fan o mesmo traballo; uns 18.000 euros ao ano. O Presidente destacou que Rueda rexeitou completamente a posibilidade de achegar os 330.000 euros que lle corresponde á Xunta de Galicia por participar ao 50% no Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, e que o Goberno da Deputación xa ten comprometidos no orzamento 2017.

Campos Conde destacou tamén que “queremos que o Partido Popular se aclare, pois en Lugo defenden unha cousa pero en Santiago votan o contrario. É o dobre xogo ao que nos teñen acostumados. O PP de Lugo asumiu compromisos cos bombeiros, sabendo que os seus compañeiros na Xunta non ían cumprilos”.

No que ao cambio de modelo de xestión se refire, as 3 administracións provinciais son as que levan traballado durante máis dun ano na elaboración de senllos informes técnicos e xurídicos que garantan a viabilidade do modelo público, tal e como reclama o Goberno Galego. O titular provincial avanzou que a de Lugo, conta xa con ambos informes nos que se apunta a viabilidade do cambio tanto a nivel técnico-xurídico; como a económico podendo ser, incluso, máis barato.

Rueda Valenzuela emprazou unha vez máis ás Deputacións interesadas a que aproben un acordo no que se comprometan, entre outros, a asumir na súa totalidade o hipotético incremento no custe do servizo, pero que de haber baixada, deberá repercutir na achega que lle corresponde á Xunta de Galicia; ou a asumir os posibles gastos derivados das reclamacións laborais dos profesionais dos parques de bombeiros galegos.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta indicou que hai xa máis de ano e medio que os presidentes das Deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra avogaron por cambiar o modelo dos consorcios provinciais de salvamento para pasalo a xestión directa e se comprometeran a aportar informes que avalaran esta modificación, sen que se tivera concretado ningún avance práctico durante todo este tempo.

Rueda destacou que a Xunta mantén a súa disposición a cambiar a un modelo de xestión directa, sempre que se cumpran dúas premisas: que se garantan os dereitos dos traballadores e que non supoña un sobrecuste para as arcas públicas. Nese sentido, lamentou que o único documento aportado polas Deputacións xa recoñece que parte do persoal dos parques serán despedidos e non valora se a xestión sería máis eficiente, senón que di que se debe levar a cabo outra análise ao respecto.

A Xunta comprométese a non opoñerse ao cambio de modelo e a seguir mantendo a súa achega económica, a pesares de que é unha competencia que non lle é propia. Así mesmo, comprometese a que en canto quede definido o cambio de sistema, poderán abordarse outras cuestións que teñen que ver coa xestión dos parques, como o mapa de emerxencias ou a homoxeneización de salarios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com