A Xunta incorpora ao rexistro de Protección Civil as novas agrupacións de Cervantes e Trabada

A Xunta incorporou os concellos de Cervantes e Trabada ao Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, despois de que ambos concellos comunicaran a súa decisión de constituír unha agrupación de voluntarios.

Con estas novas incorporacións, son xa 40 as agrupacións e máis de 2100 o número de voluntarios rexistrados que forman a rede de Protección Civil na provincia de Lugo. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, gabou o traballo que realizan as agrupacións “como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, se ben en moitas ocasións son as primeiras en chegar e intervir, prestando unha inestimable colaboración”.

Balseiro subliñou que a Xunta traballa pola potenciación deste grupos, procurándolles a dotación de medios e de formación. Así, afirmou, “o Goberno galego fixo unha importante compra de equipamento de emerxencias nos anos 2015 e 2016 con continuidade ata 2020”, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

As agrupacións da provincia de Lugo recibiron 21 vehículos todoterreo, 8 furgóns para transporte e loxística, 13 remolques para a atención ás emerxencias, 7 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate, 10 esparexedores de sal, un remolque con carpa presurizada para Posto de Mando Avanzado, un remolque de salvamento, 3 coitelas quitaneves e 4 equipos de rescate en vehículos, sendo este último material para concellos con GES .

Igualmente, a Vicepresidencia destina axudas directas ás agrupacións para equipamento e gastos de conservación, mantemento ou aluguer, entre outros; en Lugo, as subvencións alcanzaron un total de 116.341 euros nos dous últimos anos. Tamén se asinaron durante o pasado exercicio catro convenios de colaboración coas asociacións provinciais de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, por importe global  de 22.000 euros, para promover a súa participación e colaboración nos plans e programas de protección civil da Comunidade Autónoma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com