A Xunta licita con 3,5 M€ o equipamento do novo auditorio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de publicar no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación do equipamento escénico do auditorio de Lugo, un paso máis para dotar a esta cidade da primeira infraestrutura cultural da provincia.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, avanzou esta mañá no propio auditorio que esta iniciativa contará cun investimento que supera os 3,5 millóns de euros dirixidos á redacción dos proxectos, dirección facultativa e reservas de crédito para a liquidación do contrato.

Deste xeito a Xunta dá cumprimento ao establecido no convenio asinado co Concello de Lugo, o pasado 4 de outubro, polo que a administración autonómica se comprometía a asumir a contratación, subministración, instalación e posta en marcha do equipamento desta infraestrutura.

Balseiro explicou que o maior investimento deste contrato está destinado a dotar ao auditorio do sistema audiovisual, ata o punto de supoñer case o 40% do custe total. “Falamos da implantación dos más avanzados sistemas de imaxe e de son que permitirán que este auditorio poida atraer os mellores recitais”-explicou.

Entre outros contará con dous equipos completos de vídeo (un equipo de captación, gravación e difusión para cada unha das dúas salas principais). Así mesmo, instalarase un sistema de cine de proxección dixital. O equipamento inclúe tamén a construción da estrutura metálica tipo peite, colgada das trabes principais situadas sobre o escenario que deberá estar composta por unha reixa de vigas de aceiro.

“Falamos dunha construción a 18 metros de altura sobre o piso do escenario, sen máis acceso que dende este. Neste peite deberán instalarse os motores eléctricos de elevación que soportan as cortiñas, tremoia e elementos do decorado”-explicou o delegado.

Os pregos de contratación inclúen tamén os elementos escénicos, téxtil e sistema de iluminación que debe incluír un mínimo de 84 proxectores na sala de 900 butacas. A estas sumaranse  os 64 focos que deberá ter a sala de 300 butacas. Ambas salas contarán cun sistema de control de luz independente. E para que o auditorio de Lugo sexa un espazo capaz de albergar eventos de índole internacional, inclúe tamén un equipo técnico que permitirá a tradución simultánea na sala de 900 butacas.

Cómpre lembrar que o convenio asinado polo Concello, ademais do equipamento escénico inclúe que a Xunta asuma os gastos de mantemento do inmoble ata a súa entrega á administración local, polo que se prevé un investimento global final, por parte da Xunta, de preto de 3,8 millóns.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com