Xurxo Souto presentará o seu novo libro no Lar da Cultura do País

Cultura do País organiza para o vindeiro xoves 20 de decembro ás 20:30 no seu local, o Lar da Cultura do País (Carril das Hortas, nº 1-baixo 5) a presentación do libro ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’, do músico e escritor Xurxo Souto, que participará no acto.

O relato segue a viaxe do arrastreiro Macallás, que sae das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés. O seu destino: Rockall, rocha perdida, entre Escocia e Islandia. O Con de Marín, tal lle din pola nosa ribeira. Manda na ponte unha muller, Mercedes, patroa de pesca e, antes, famosa vocalista do conxunto ForzA dozZE! É unha marea ben curiosa. Entre lance e lance, a mariñeira heavy vai entrar en tratos con Lipeilipeisa, un peixe-sapo que fala, e mesmo aprenderá a cántiga de Mamí Watá, que é a serea negra da Guiné, esa que chegou canda os mariñeiros senegaleses.

A gran travesía de Chiruca Macallás conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación. Coa enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís, Xurxo Souto ofrécenos unha novela personalísima que retrata a aventura dunha marea singular con ton epopeico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo