XuvenLugo abre as súas portas un ano máis

Concello, Deputación e Pazo de Feiras e Congresos, unha vez máis, súmanse e danse a man para promover unha nova edición dun evento xa clásico do Nadal para o lecer familiar, o XuvenLugo. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, foron os encargados de presentar este luns, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, este evento, que terá lugar do 5 de decembro ao 7 de xaneiro en dous pavillóns e un corredor do Pazo de Feiras e Congresos. Ao acto tamén asistiu un representante de Caixabank, patrocinador da cita.

No acto, Carmen Basadre puxo en valor esta iniciativa, “que non deixou de medrar ano tras ano e de incluír novidades, como por exemplo nesta edición, actividades para nenos e nenas de 0 a 3 anos”. Serve ademais, tal e como asegurou a edil, como conciliación laboral e familiar.

Pola súa banda, Álvaro Santos subliñou o caracter educativo e lúdico de XuvenLugo, “un espazo no que pode convivir e participar toda a familia”; así como o éxito que vai gañado ano tras ano, con máis de 15.000 visitantes a pasada edición e agardando este ano a 20.000 persoas, “o que supón que xa é unha oferta imprescindible do Nadal
lugués”.

Para rematar, Rubén López agradeceu a imprescindible colaboración de Concello e Deputación e por seguir crendo en XuvenLugo, que este ano incorpora na súa oferta atraccións de moda e de última xeración; como o Maxidance, que se xunta a 10 atraccións mecánicas máis.

XuvenLugo abrirá as súas portas en xornada de tarde, de 16:30 horas a 20:30 horas,  do 5 ao 9 de decembro, do 14 ao 16 de decembro; do 21 ao 23 de decembro; do 25 ao 30 de decembro; do 1 ao 4 de xaneiro de 2018; e 6 e 7 de xaneiro de 2018.

A entrada xenérica de XuvenLugo será de 6 euros. Poderase sacar un bono grupal de 50 euros para 10 persoas que terá validez para un só día. Haberá un prezo especial da entrada a 4,5 euros para Concellos, colexios e asociacións, mediante reserva anticipada e para un mínimo de 15 persoas. O prezo para outras actividades dentro do recinto variará segundo os xogos: o acceso á pista de minigolf será de 1,5 euros; ao toro mecánico ou á pista de slot, 2 euros. Celebraranse dúas xornadas de portas abertas, unha o día 5 de decembro promovida polo Concello, e outra o os 14 de decembro, promovida pola Deputación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo