A exposición itinerante Manuel Rodríguez López chega a Ponteceso

Na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso vaise abrir ao público este mércores, ás cinco da tarde, a exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, e que da nome á Casa municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está a celebrar a vixésima edición.
A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ emprendido por Galicia Digital (www.galiciadigital.com)  e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Real Academia Galega.
Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido en Paradela para logo expoñerse en Lugo  – Museo Provincial- no San Froilán de 2013, e logo en Begonte, Paradela, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona e Madrid. E, no pasado mes de abril, de novo en Lugo na Biblioteca Nodal.  Despois de Ponteceso, onde permanecerá ata finais do presente mes, será instalada na Biblioteca Anxo Casal de Santiago de Compostela.
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Cataluña, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no país catalán.
Na inauguración desta exposición na Fundación Pondal de Ponteceso participarán representantes da Xunta de Galicia, da Fundación Eduardo Pondal, a familia do escritor e responsables de Galicia Digital.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo