25 Aniversario do Pasamento de Manuel Rodríguez López

Co gallo do 25 cabodano do pasamento do escritor galego Manuel Rodríguez López, vense de publicar en internet, no sitio  http://manuelrodriguezlopez.org/page/25-aniversario-do-pasamento-de-manuel-rodriguez-lopez , a obra literaria e gráfica que un fato de escritores, artistas plasticos e políticos, coordinados por Xulio Xiz, crearon para homenaxear ao escritor de Paradela.

Manuel Rodríguez López foi un escritor nado en Paradela, que de moi novo emigrou a Cataluña onde creou a maioría da súa obra, aínda que sempre estivo moi vinculado a Galicia. Fillo de emigrantes, residiu na emigración en Barcelona desde os seis anos ata 1987, data na que se afincou definitivamente na cidade de Lugo. Fixo estudios de Humanidades e Filosofía no Seminario Diocesano de Barcelona, e de Contabilidade e Lexislación Laboral. Foi xefe administrativo de 1ª do Departamento de Persoal dunha empresa siderometalúrxica, ata o peche da mesma en 1984. Manuel Rodríguez López colaborou asiduamente en medios informativos de Galicia, Cataluña e Arxentina. Publicou gran cantidade de artigos en diversos xornais e revistas de Bos Aires; en Coordenadas e Dorna; no Boletín, en Treboada e Alborada do Centro Galego de Barcelona, do cal foi Cronista Oficial. Tamén colaborou coa maioría dos xornais galegos,  sendo correspondente de Faro de Vigo e El Ideal Gallego, na cidade condal.

A obra de Manuel Rodríguez López foi escrita tanto en verso como en prosa. Poesía Completa (2009), Manuel Rodríguez López. Antoloxía Poética (2014). PROSA: Reencontro coa Aldea (1983), Galegos en Catalunya 1978-1982 (1983), Galegos en Catalunya-2 (1985), Viaxes con Anxel Fole (1988), Ademais, colaborou en diversos libros colectivos, entre os que se atopan Homaxe o Che (1970), A Nosa Terra (de “Libro de Oro”, no centenario de Ramón Cabanillas) (1976), Homenaxe Multinacional a Castelao (1976), Galicia no Ano 1979 (1979), José Mª Acuña (1983), Os escritores lucenses arredor de FOLE (1986), Voces poéticas (1987), Paradela y su concello (1990) e Aliad-Ultreia. Poesía. Pintura (1993), son as súas creacións máis destacadas.

Asemade, Manuel Rodríguez López acadou numerosos premios literarios, entre os que destacan os primeiros premios de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 1976 e 1980 cos poemas “Ti es eterno” e “Neoplasia”, respectivamente; o Premio Xosé Mª Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba, en 1977, con A Emigrante e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985 coa obra Noite de Nadal. En prosa, coa peza teatral Vivimos unha longa traxedia conseguiu o primeiro premio Nós de Barcelona en 1980. En Sarria, mereceron o premio Meigas e Trasgos os seus contos A meiguiñameiga e os trasgos (1977) e Quen me dera atoparme co trasgo (1986) e, en Baracaldo, Baixa Voluntaria (1978). Nos Premios Galicia de Xornalismo, quedou finalista na sección de Reportaxe, nas convocatorias de 1985 e 1987. Co gallo do seu pasamento, foi nomeado “Fillo Predilecto do Concello de Paradela” e “Lucense do ano 1989”.

Artigo realizado con información de Galicia Dixital.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com