O PP de Burela denuncia que o alcalde incumpre a súa palabra sobre a xestión dos servizos de limpeza

O PP de Burela denuncia “un novo incumprimento” do alcalde e do seu equipo, “especialmente do tenente de alcalde”, pois anunciaron que o Concello recuperaría os servicios municipais que están xestionados por empresas privadas, e resulta que agora sacan a concurso a limpeza dos edificios e locais dependentes da entidade municipal, segundo consta na acta da sesión de Xunta de Goberno do pasado 6 de setembro.

Por este motivo, os populares censuran o proceder na xestión, cualificándoa de “lamentable”. “Entendemos que esta medida ten moi difícil xustificación logo de todo o que levan dito sobre o rescate dos servicios municipais privatizados”. E é que, apuntan, “se o argumento que se esgrimiu é que eses servizos saen máis caros feitos con empresas resulta que, a última adxudicación da limpeza de edificios foi hai dous anos, por outros dous, agora resulta que se fai xa por tres”.

Neste senso, consideran que tempo tivo o Executivo de facer un estudo sobre o posible rescate do servizo para que pasase a ser xestionado directamente polo Concello, “pero semella que se vive moi ben de festa en festa, e que estas cousas deben resultar menudencias”; de aí que afirmen que “o PSOE incumpre, unha vez máis, o programa co que concurriu ás eleccións municipais de 2015. Vergoña lles debería dar”, insisten.

Débeda a unha traballadora

Noutro eido, o PP de Navia de Suarna desvela que o Concello adebeda máis de 3.000 euros a unha auxiliar de axuda a domicilio, incumprindo así o convenio que rexe estas contratacións. Os populares esixen ao alcalde que cumpra a sentenza do Xulgado do Social número 2 de Lugo, e que obriga ao Concello a pagar a unha auxiliar de axuda a domicilio máis de 3.000 euros, en concepto de salarios que non percibiu e que si están recollidos no convenio que rexe estas contratacións.

Concretamente, a débeda desglósase do seguinte xeito: 1.433 euros corresponden a dietas de quilometraxe e 1.372 por salarios que non percibiu; cantidades ás que hai que sumar os xuros de demora correspondentes ao 10% anual sobre esta última cantidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo