104 positivos en PCR e 6 vidas sesgadas pola Covid en 24 horas

Aumento de casos, de contaxios e de falecementos. Os últimos datos da Covid na provincia publicados polo SERGAS amosan unha xornada moi negra para Lugo.  Un total de 1273 casos activos se rexistraban ata as 18 horas do día de onte logo de recibir 48 altas médicas pero que non foron suficientes para contrarrestar os 104 positivos nos detectados. 

Un aumento que non se ve reflexado na presión asistencial. Nos centros hospitalarios da provincia redúcense lixeiramente os ingresados covid en planta. Así, o Hospital da Costa, que segue a ser o máis afectado e o único no que aumentaron os ingresos, rexistraba ata as 6 da tarde de onte un total de 19 pacientes covid, 2 máis que na xornada anterior. Pola súa banda o hula conta en planta con 16 ingresados, un menos que onte; e o hospital de Monforte que nos últimos días estabilizaba esta cifra, hoxe amenceu con tan só 2 ingresados en planta por Covid 19, logo de dar dúas altas médicas e rexistrar un falecemento na última xornada. 

Con todo, son un total de 37 as persoas que rexistran un positivo en covid 19 e que permanecen ingresadas en plantas de hospitalización. No tocante ás Unidades de Críticos só o Lucus Augusti conta con casos covid, en concreto 8 persoas que permanecen na UCI.

Por último, como diciamos ao principio, tamén hai que lamentar un gran número de falecementos nas últimas horas. Seis mulleres da provincia finaban durante o día de onte. A primeira das vítimas da Covid e que finaba no HULA tiña 95 anos e proviña da residencia da Pastoriza. Tamén do mesmo centro de maiores viña a segunda das mulleres, que finaba con 95 anos no Centro Integrado Cegadi de Compostela a onde fora trasladada días antes. 

Na residencia San Bartolomeu de Xove tamén finaban dúas mulleres de 90 e 85 anos, e, en Ribadeo  outra máis de 78 anos que residía no Asilo San Sebastián e San Lázaro da localidade. Por último, a sexta vítima, era unha muller de 84 anos de idade que finaba no Hospital de Monforte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com