" />

24 de Maio, os Milagros

¡Como me tarda que chegue o vinte catro de maio para que descansen os políticos, e nos deixen descansar a nós!. Porque isto para o público en xeral é un sen vivir, así que cabe supoñer que para a clase política é un tempo de infarto ben difícil de superar.
Neste tempo, os medios informativos e os correos electrónicos dos que temos algunha relación con eles, vense inzados de mensaxes de todo tipo: presentación de candidatos, divulgación de programas, propostas e propósitos, promesas e planteamentos, que nos fan vivir nun mundo estraño, diferente, como se fosemos unhas especiais “Alicias no país das marabillas” que atopamos coellos ou homes de folla de lata, árbores con froitos estraños e veredas que nunca soubemos que existisen.E votaremos, e os nosos votos valerán de xeito moi relativo porque o resultado final non vai ser a suma aritmética lóxica senón que se prestará ás máis diversas combinacións.

A situación máis divertida vaise presentar en Guitiriz, onde ás forzas tradicionalmente maioritarias, PP e Psoe, que tiveron alternancia no goberno co apoio do único concelleiro independente, Suso do Vicentiño, organizador da Romaría Labrega da Chaira, súmanselle agora outras listas que veñen escurecer o panorama, e as manifestacións de Suso de que para apoiar a unha forza política que precise de axuda el será, de todos os xeitos, o alcalde do concello.

Si que pode ser divertido. Como houbera sido divertido se o Bng houbese esixido a Alcaldía de Lugo nas últimas eleccións para apoiar ao Psoe de Orozco, que seguro que a entregaba antes de que gobernase o PP como forza máis votada. O dito: Ata o vinte catro de maio, penaremos resistindo todos os embates verbais. Despois, para algúns –e para os espectadores-, pode ser divertido.

Pero broma, o que se di broma, non é porque –aínda que pareza superfluo e esaxerado dicilo- o vinte catro de maio, festa dos Milagros de Saavedra, xogámonos tanto que case vale a pena ir de Romaría ofrecidos para que non nos pase nada.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo