San Froilán 2019: “Politización” e “lixo” contra éxito e “convivencia cívica”

Un ano máis remata o San Froilán, os festexos patronais da cidade de Lugo que contan xa con 265 edicións. O xentío nas rúas é indiscutible ano tras ano e, o bo tempo destes últimos dez días de festas asegurou un éxito de público.

Pero o certo é que, pese ás altas ocupacións hoteleiras e as reservas completas nos restaurantes , todo evento recibe as avaliacións oportunas de goberno e oposición. Así, mentres os dirixentes de PSOE e BNG cualifican esta edición do San Froilán como un exemplo de “convivencia cívica” así como unha festividade “exitosa”, os dous grupos da oposición, PP e Cs,  poñen o foco en dúas grandes eivas: a politización das festas e o lixo nas rúas.

Esta mañá, a alcaldesa valoraba “moi positivamente” os festexos que, “nunha nova ocasión, converteron a nosa cidade nun gran escenario, nun espazo de ocio para lucenses e visitantes e, ao mesmo tempo, en todo un exemplo de convivencia cívica”.

Precisamente, Lara Méndez sinalaba a importancia de que durante estas semanas non se produciran nin incidencias graves nin altercados destacados “cumpríndose o máximo obxectivo que tiñamos establecido: o de acadar un San Froilán espléndido pero tamén tranquilo e, sobre todo seguro, grazas á coordinación dos diferentes departamentos municipais e á implicación das e dos seus traballadores”.

A rexedora poñía como exemplo o importante dispositivo, organizado dende a área de Medio Ambiente, no que ten que ver co servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, “para que a nosa cidade non fora só un escenario vivo senón tamén un gran escaparate que convidase ao paseo e ao goce das actividades e espectáculos”.

Un exemplo que tamén poñía a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, pero, esta vez, como unha das peores cousas desta edición das festas. Segundo explicou a edil, nos últimos días o seu grupo recibiu numerosas queixas de veciños e veciñas de Lugo pola falta de limpeza durante o periodo de festas. «Trátase dun problema existente ao longo de todo o ano que quedou especialmente en evidencia nestes días de máxima afluencia. O tema da recollida do lixo só ten unha solución: dimensionar de forma correcta o servizo. É unha necesidade dos veciños e veciñas ingorada de forma reiterada por este Goberno», afirmou a voceira.

Pola súa banda, a edil popular, Beatriz Vázquez aseguraba, neste senso, que sería preciso facer algunhas melloras “como por exemplo nun sistema que evite que queden esas mantas de cristais na superficie dos xardíns despois da limpeza do lixo, poñer todas as medidas que sexan necesarias para evitar os destrozos nas zonas verdes ou arranxar dunha vez as escadas de madeira do parque que cos travesaños rotos hai tempo que son un perigo”, declara Beatriz Vázquez.

Asemade, os populares criticaron duramente a “politización” das festas,  que se materializou, segundo explican nas mensaxes políticas manifestadas por varias agrupacións musicais durante as súas actuacións nas patronais que remataron esta fin de semana. Unha polémica que xa se iniciou durante o verán cando se anunciou unilateralmente a contratación de Def con Dos, e que xerou todo tipo de opinións, pero que parece reflectiu o que foi moita da programación destas festas, xa que “chegáronnos queixas de lucenses que se viron moi molestos polas declaración políticas en varios dos concertos”.

Con respecto á programación, os dous grupos da oposición coinciden: falta innovación. Así, Louzao asegurou que é necesario traballar neste eido para evitar que o modelo das festas patronais entre en retroceso. «Corremos o risco de que a falta de iniciativa política, e a falta de valentia a hora de introducir melloras produza un estancamento do San Froilán. Chegará un ano en que a inercia e o bo tempo non sexan suficiente reclamo para seducir aos visitantes e movilizar aos cidadáns. O San Forilán é algo máis que unha festa, é unha das ferramentas máis valiosas para promocioar a nosa cidade», concluiu.

Beatriz Vázquez asegurou tamén que a programación careceu dunha falta total de “innovacións”, e que “é unha mágoa” que o bigoberno confirme que vai a seguir na mesma liña, xa que “insistimos en que son necesarias actuacións de primeiro nivel” capaces de atraer ao gran público á cidade de Lugo, ademais de que, segundo explicou a popular, cómpre axilizar as contratacións para publicitalas xa no verán a nivel nacional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com