Isabel Rodríguez apela á formación para evitar que os menores poñan en risco o seu futuro co uso inadecuado das novas tecnoloxías

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, chamou a atención hoxe sobre a importancia de que os escolares reciban formación sobre o uso seguro da Internet e das redes sociais para axudalos a evitar riscos que poden marcar para sempre o seu futuro. Isabel Rodríguez, xunto co responsable delegado de Participación Cidadana e responsable do Plan Director da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga, participou hoxe na entrega de carnets aos escolares de 6º de primaria do CEIP Sagrado Corazón que asistiron ao curso de Ciberexpert@.

No acto, a subdelegada advertiu dos riscos que supón para os menores un uso inadecuado das redes sociais e as novas tecnoloxías e agradeceu a implicación das forzas de seguridade e da comunidade educativa na concienciación dos escolares. Neste sentido, a subdelegada destacou o gran labor que están a facer a Policía Nacional e a Garda Civil na provincia a través das actividades que realizan nos centros escolares da provincia dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos.

Esta actividade, que a Policía Nacional imparte en todos os centros escolares da cidade de Lugo que o solicitan, ten o obxectivo de que os alumnos tomen conciencia da trascendencia de usar as novas tecnoloxías, nomeadamente as redes sociais, dun xeito seguro. Trátase de que os menores coñezan os riscos que poden asumir no uso cotiá das TIC e de conciencialos da importancia dunha boa xestión da súa privacidade tanto online como offline.

Ademais de sensibilizalos e coa finalidade de que dispoñan de medios para evitar os graves riscos que pode supoñer un mal uso da internet, nesta actividade transmítese aos menores e ao seu contorno educativo información sobre o uso de ferramentas que lles faciliten unha navegación segura. As charlas de Ciberexpert@s que imparte en Lugo a Policía Nacional forman parte dunha ampla programación que se desenvolve durante todo o curso escolar na práctica totalidade dos centros educativos do concello dentro do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com