O Grupo Provincial do PP esixe ao goberno provincial que preside José Tomé que resolva o problema de acceso ao núcleo de Outeiro como lle piden os veciños desta parroquia de Castroverde onde se están a acometer obras de mellora entre os puntos quilométricos 0+000 a 2+280, de Souto de Torres a Sobrado, da estrada provincial LU-P-1201.
Os populares darán traslado no vindeiro Pleno da Corporación Provincial das queixas dos veciños en relación ás actuacións que se están a realizar na zona da ponte sobre o río Chamoso porque “queda unha pendente moi pronunciada no acceso ao lugar de Outeiro que engancha coa ponte ao ter que ser levantada de cota”, segundo explican dende o Grupo Provincial do PP. “Isto pode dificultar a circulación e mesmo converterse nun punto inseguro para os seus usuarios”, advirten os populares.
Os deputados do Grupo Popular solicitan a construción, de forma urxente, dun paso provisional e seguro a pé sobre o río Chamoso para que “os nenos non teñan que dar tanta volta para coller o bus e a xente da zona non teña que cruzar o río a pé para facer os seus traballos”.
Set 10, 2020 - 11:01 PM
@PPdeLugo https://t.co/1wLg2t4Voy