Pegar cun demo

Non volvín escoitar a mención do demo como arma arroxadiza desde a miña nenez, en Vilalba, a primeira Facultade onde me licenciei en galego popular, este que sigo a utilizar cos matices que os anos e o roce foron propiciando.

Cando se quería indicar que unha persoa sufrirá un arrebato e agredirá a alguén de xeito repentino, dicíase que “lle pegara cun demo”, dando a entender  que fóra un cabreo súbito polo que utilizara o primeiro que atopara á man.

Pensando nun contorno rural, o que se supón que se tiña á man era un pau, traballado ou en bruto, atopado á  beira ou arrincado de onde fose doado. Claro que tamén podía ser calquera outro obxecto, manexable segundo as forzas do usuario, que adrede non lle llamo agresor por se esta acción fose resposta a unha agresión previa, física ou verbal.

Pero ademáis do pau, sempre había á mans instrumentos de labranza, como por exemplo un sacho que, de feito, servía ás veces de momentáneo desafogo para dirimir cuestións para as que se coidaba on chegaban as palabras.

Con todo isto non quero dicir que o meu contorno vilalbés fóra esencialmente violento – de feito non lembro ter contemplado liortas- pero ás veces as palabras van por diante dos feitos, e o xeito de utilizar o demo como obxecto contundente quedaba para os relatos de trifulcas, sempre magnificadas, que tiveran lugar en tempos pretéritos e lugares ás veces imaxinarios.

A todo isto, non sei ben porque empecei a falar do demo e de utilizalo para agedir a alguén, porque eu o que pretendía era falar de okupas e okupacións, pero esta cabeciña por veces parece empeñada en que o santo se me vaia ao ceo e suba o demo ao alto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com