O TSXG autoriza prorrogar ata abril a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou hoxe á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 9 de abril, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo destaca no auto que esta medida permite “o mantemento desas actividades en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características de especial vulnerabilidade que concorren”. Ademais, indica que o feito de que o pasaporte COVID-19 “non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios”, non invalida “a idoneidade dunha medida que permite reducir o risco”. Así, incide en que o seu obxectivo consiste en diminuír “a posibilidade de que unha persoa infectada contacte con non infectados e non protexidos e que lles poida transmitir a infección”. Ademais, asegura que está acompañada “dun esforzo da administración sanitaria no campo da vacinación, no da expedición de certificados e no aumento de probas para a detección do virus, destacándose que todos os que se quixeron vacinar, puideron facelo”.

Na resolución, os maxistrados sinalan que o informe médico achegado pola Xunta xustifica a obriga de presentar o certificado COVID-19 en determinados espazos. Ademais, indican que a medida “se manterá o tempo imprescindible para mellorar a situación epidemiolóxica da comunidade, que se revisa diariamente e se somete semanalmente á consideración do comité clínico, segundo as evidencias científicas que poden xurdir”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com