O Concello da a benvida aos nenos e nenas saharauis que pasarán o verán en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana María González Abelleira, recibiron esta mañá no Salón de Plenos aos nenos de nenas dos campos refuxiados de Tinduf que pasarán o verán na cidade luguesa grazas ao programa Vacacións en Paz, posto en marcha pola Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, co que colabora o Concello de Lugo.

Trátase dunha iniciativa coa que un total de 326 nenos pasarán o verán en toda Galicia, 7 deles na cidade de Lugo, e que lles permite gozar durante máis de dous meses das vantaxes de vivir nunha sociedade desenvolvida, tanto no que se refire á alimentación e á saúde, ao tempo que evitan sufrir as altas temperaturas de verán que soportan nos campamentos.

No acto, no que tamén estivo presente a Presidenta da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Mayte Isla, a delegada en Lugo deste colectivo, Manuela Pacín, e o Delegado Saharaui para Galicia, Habibulah Mohammed; Lara Méndez quixo recoñecer o ”formidable esforzo” que realiza este colectivo ano tras ano para permitir que os rapaces coñezan outra realidade.

Do mesmo xeito, agradeceu ás familias luguesas a súa colaboración. “A palabra solidaridade quédase pequena para estas familias que ofrecen a súa axuda desinteresada para continuar cun programa que se desenvolve dende hai máis uns 25 anos en Galicia, e que por sorte sobrevive á crise”.

Pola súa banda, González Abelleira anunciou que o Concello de Lugo seguirá colaborando con esta causa que fai que cada verán “Lugo respire solidaridade”. Lara Méndez desexoulle aos nenos e nenas, que intercambiaron con ela as situacións precarias que sofren no Sahara, unha boa estancia na cidade e pediulles que transmitiran no seu regreso que “en Lugo existe xente que vos quere, que sigue poñendo o seu grao de area para acabar coas inxustizas que segue a sufir o pobo saharaui”. Ao remate do acto, entregoulles uns pequenos agasallos como mostra de cariño.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com