O achado produciuse na rúa Montevideo á altura da súa confluencia coa rúa Nova, durante os traballos de peonalización que se executan no marco “Lugo Corazón Verde”.
O arqueólogo da empresa concesionaria confirmou que estes elementos están relacionados cos xa documentados semanas atrás na parte central da calzada, onde se localizaran fornos, pezas cerámicas e cimentacións que poderían formar parte dun complexo fabril da época romana.
Trátase dun escenario que require agora axustar o ritmo dos traballos para garantir a súa correcta documentación e conservación, conforme aos protocolos establecidos en materia de patrimonio. A intervención realizarase en coordinación coa dirección arqueolóxica da obra e coas administracións competentes nesta materia.
A intervención limitarase a este treito puntual, polo que a práctica totalidade da rúa Montevideo estará dispoñible para a cidadanía o 15 de maio, tal e como estaba previsto. Neste punto concreto, os traballos adaptaranse ás esixencias do achado arqueolóxico, de maneira que se poida inventariar e protexer correctamente, sen que iso impida que a actuación quede completamente finalizada antes de que remate o mes.
O proxecto na rúa Montevideo incorpora tamén as achegas da veciñanza, recollidas polo Goberno local a través de visitas a pé de rúa e do contacto directo co tecido asociativo. Froito deste diálogo estanse a consensuar cuestións como a localización do mobiliario urbano, o deseño dos espazos de descanso ou a ubicación definitiva das novas especies arbóreas, co obxectivo de consolidar un centro histórico máis funcional, accesible e sostible.