En resposta ás declaracións realizadas hoxe polo BNG sobre a situación das infraestruturas ferroviarias en Lugo, onde o representante da formación nacionalista dixo que “impulsará novas iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao Goberno do Estado un compromiso real e firme co desenvolvemento ferroviario de Lugo”, dende o PSdeG-PSOE da provincia cómpre salientar que o Goberno de Pedro Sánchez leva anos traballando para poñer fin a décadas de abandono e mellorar a conectividade ferroviaria da provincia.
Os socialistas lamentan que “se pretenda construír un relato interesado arredor da situación ferroviaria da provincia, ignorando os feitos e intentando atribuír a terceiros avances que son resultado do traballo do Goberno de España. Non falamos de intencións nin de titulares: falamos de obras, estudos e investimentos que están transformando o mapa ferroviario de Lugo”.
Segundo os socialista lugueses aseveran, “investíronse 550 millóns de euros na modernización e electrificación do eixo ferroviario Lugo-Monforte-Ourense, a maior actuación ferroviaria na provincia en décadas e destináronse máis de 30 millóns de euros á nova Estación Intermodal de Lugo, cuxas obras avanzan segundo o previsto e estarán finalizadas no segundo semestre de 2026, grazas á colaboración entre o Goberno de España e o Concello de Lugo”
Ademais subliñan, que xa esta adxudicado o estudo de viabilidade da nova conexión Lugo-Santiago e en redacción por parte do Ministerio de Transportes, o que permitirá conectar Lugo co Eixo Atlántico de Alta Velocidade por primeira vez” E está previsto que os trens Avril operen en Lugo, “unha vez completadas as obras da vía, para garantir conexións máis competitivas e eficientes”.
A nosa cidade e a nosa provincia merecen deixar atrás anos de abandono, e nese camiño imos seguir situados: con responsabilidade, con seriedade e con vocación de futuro, antes, durante e despois das campañas electorais. Rematan.