O Foro Feminista de Lugo denuncia o comportamento compracente de representantes do goberno da Xunta de Galicia co investigado por agresión sexual Alfonso Villares, ex-conselleiro do mar, tras unha denuncia que se produciu en decembro do 2024 e coñecida en febreiro de 2025.
A presunción de inocencia non pode xustificar o apoio recibido por parte dos conselleiros e conselleiras e Presidente da Xunta de Galicia. tratando de separar o ámbito privado e o ámbito público. As feministas sabemos que o persoal é político e que o comportamento dun político ou é exemplar ou non nos pode representar. Como sociedade non podemos tolerar a violencia machista nun representante público.
Consideramos moi graves as afirmacións de “comportamento exemplar” que escoitamos por parte dos cargos da Xunta, en especial as do director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, que afirmou: “o comportamento de Villares é intachable por dimitir”. ´Tampouco a conselleira de Política Social e Igualdade fixo unha condea da presunta agresión sexual, nin esixiu tolerancia cero cos agresores sexuais e xustiza e reparación para a vítima. Tampouco enmarcou este feito nun dos maiores problemas que como sociedade padecemos: as violencias machistas contra as mulleres que permean todos os ámbitos, niveis culturais e clases sociais.
Denunciamos o comportamento informativo da TVG que ademais de dar tarde a noticia, insistiu no comportamento exemplar do imputado e non nos feitos que motivaron a denuncia.
Todo isto móstranos a total falta de empatía coa vítima e as dificultades das mulleres para denunciar porque son elas as xulgadas socialmente estando sometidas a unha exposición mediática que as cuestiona e mira con lupa a súa vida pasada e presente ao mesmo tempo que a unha presión social difícil de soportar para elas e as súas familias.
A agresión sexual non pode quedar minimizada coa dimisión inevitable do conselleiro. A loita contra as violencias machistas interpelan a toda a cidadanía especialmente aos que teñen a obriga de tomar as medidas necesarias para combatela.
-Agardamos a resolución xudicial e mentres Esiximos
-Tolerancia cero con calquera agresión sexual proveña de quen proveña.
–Xustiza, reparación para a vítima.