A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación da obra para a construción dunha nova rotonda na intersección entre Afonso X O Sabio e a Ronda de Fingoi cun orzamento de 216.125,70 euros e un prazo de execución de tres meses
O Tenente Alcalde anunciou que desde a área de Infraestruturas Urbanas se está actualmente a estudar a implantación doutras “aproximadamente oito rotondas tanto na zona norte como na sur da cidade de Lugo co propósito de eliminar semáforos e mellorar a mobilidade nos principais puntos de tráfico da cidade”.
Tamén se aprobaron tres licitacións para obradoiros artesanais dependentes da área de Participación. O primeiro deles trátase dun obradoiro artesanal de dinamización de cerámica cunha duración de 42 horas ata o 31 de decembro cun prezo de licitación de 3.780 euros. O segundo é o obradoiro de dinamización de repostería cun total de 98 horas e un orzamento de saída de 4.410 euros, xunto co obradoiro de dinamización de encaixe de bolillos tamén de 42 horas e cun custe de 3.780 euros.
Outro dos asuntos aprobados foi a delegación da concelleira da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, para a xestión dun convenio coa área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo dirixido á organización da segunda edición do Biovoleibol. Este evento, indicou o Tenente Alcalde, “consiste nunhas xornadas que combinan a práctica do voleibol con faladoiros sobre nutrición saudable e boas prácticas no deporte e na saúde”.
Ademais, acordouse a alta e adxudicación de cinco novos vendedores nos postos vacantes do mercado de Frigsa reforzando a actividade comercial e o servizo á veciñanza nesta instalación municipal.