Tres deputados socialistas non acudiron ao pleno da Deputación celebrado no día de onte e que provocou que o goberno provincial quedase en minoría. Os deputados Xosé María Arias, alcalde de Castroverde, Iván Castro, portavoz de Paradela e Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz, críticos con José Tomé non asistiron ao pleno como protesta, logo de que Tomé, gañador nas primarias celebradas o pasado mes de abril, conformase unha executiva provincial máis afín e na que non hai ningún integrante da outra candidatura.
Cabe destacar que hai unhas semanas, Tomé cesou a Dayra Fernández como asesora provincial e dende o seu entorno tomárono como unha represalia política, xa que Fernández posicionarase a favor do grupo de Iván Castro para dirixir o PSOE en Lugo.
Estes tres deputados que levan varias semanas sen acudir ás reunións de xunta de goberno sinalaron como motivo de ausencia no pleno de onte que levan un mes pedindo unha reunión con José Tomé para aclarar diversos asuntos e que ninguén os convocou a dita reunión.
Coa ausencia ao pleno destes tres deputados, o PSOE só contou con sete deputados e tres do BNG, o cal non lles deu a maioría para gañar nas votacións como por exemplo no plan económico e xurídico da residencia de Becerreá.