Hai pouco souben da posible cancelación do “Estilo Ribadeo” que rexe, sobre todo entre a mocidade, de que cada un paga “o seu”, para facilitar que os rapaces axusten as consumicións á realidade das súas economías.
Quéixanse os hosteleiros de que o sistema complica a súa xa complexa situación, que navega entre a estacionalidade e a falla de persoal, os impostos e as xornadas interminables, pois ben sabemos que a hostelería require dedicación e sacrificio. Ver un letreiro indicando que non se cobra por separado, senon por mesa, chamoume a atención pero intentei comprendelo. A forma extrema desta aplicación sufrimola esta fin de semana en Viveiro cando demandábamos algo refrescante no exterior dun bar dunha recoleta praciña. Vimos unha mesa de seis ocupada por dous rapaces e ocorréuseme a peregrina idea de separar as dúas mesas que a compoñían, co permiso dos seus ocupantes, e así o fixemos.
Acudiu o hosteleiro e, de mala maneira, volveu xuntar as mesas advertíndonos que aínda que fosen dúas, era unha mesa sóa, e tiñamos que pagar todo xuntos. Atónitos agardamos que nos serviran, pensando reconducir a cuestión, pero pouco despois acudíu unha rapaza para dicirnos que non ían servirnos, repetindo que era unha mesa sóa e non podíamos estar nela.
Recollemos as nosas sedes e buscamos outro acomodo sorprendidos, coidando que quizais vulnerabamos a limitación de mesas, lamentando máis a forma que o fondo. Excepción foi no agarimo absoluto de Viveiro, espazo vital diferente; de recollemento na Semana Santa, de festa e ledicia no estío e, neste verán de rigores, un paraíso climático ateigado de xente leda que sempre nos fai sentir na casa.