A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, destacou hoxe nunha visita a Apsnais, o compromiso do Executivo coa inclusión educativa a través dun investimento de case 20 millóns de euros en bolsas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) durante o curso 2024-2025. Estas axudas beneficiaron a preto de 13.000 familias.
Durante esta visita á Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais), López animou ás familias a solicitar as bolsas para o curso 2026-2027, cuxa convocatoria permanecerá aberta ata o 10 de setembro. A subdelegada puxo en valor o labor da entidade lucense na integración social, educativa e laboral das persoas con discapacidade intelectual.
As bolsas están dirixidas a alumnado con discapacidade, trastornos graves da conduta, da comunicación ou da linguaxe, Trastorno do Espectro Autista (TEA) ou altas capacidades. As axudas cobren gastos como transporte, comedor, residencia, material escolar ou reeducación pedagóxica e da linguaxe, e inclúen unha achega complementaria de 400 euros para afrontar custos adicionais.
Olimpia López subliñou ademais o esforzo do Ministerio de Educación en favor da educación inclusiva, lembrando que desde 2022 se mobilizaron 140 millóns de euros en todo estado, dos que 8 millóns chegaron a Galicia para reforzar os recursos dos centros educativos e avanzar na igualdade de oportunidades.






