PP denuncia “incopetencia” na xestión do BNG no Goberno municipal de Lugo

O Goberno municipal do PP en Lugo denunciou, por boca dos concelleiros Antonio Ameijide e Javier Vázquez, actuais responsables das áreas de Infraestruturas e Cultura, respectivamente, unha serie de problemas que, segundo aseguraron, levaron o Concello a unha situación de “colapso administrativo”, afectando directamente ao día a día da veciñanza lucense. Ademais, anunciaron que existe unha denuncia presentada ante a Policía pola desaparición dunha antiga máquina de escribir.

Antonio Ameijide enumerou diversos “despropósitos” na xestión do urbanismo e da mobilidade da cidade durante o anterior mandato. O concelleiro de Obras e Mobilidade puxo como exemplo o acontecido no barrio da Milagrosa, onde unha actuación urbanística acabou converténdose, ao seu xuízo, nun grave problema para os veciños e nun desastre económico para os comerciantes tras a rescisión do contrato por parte da empresa construtora.

Segundo explicou, esta situación deixou “un barrio abandonado á súa sorte e unhas obras paralizadas durante meses polo capricho e a mala xestión do BNG”. Ameijide tamén denunciou a falta de coordinación no anterior executivo local, asegurando que “cada socio do goberno tiña a súa propia brigada de obras”  sen ningún tipo de coordinación, o que provocou que moitos problemas quedasen sen resolver.

No apartado da mobilidade, o edil popular cualificou de “fracaso absoluto” a proba do transporte a demanda, ao considerar que quedou demostrado o escaso interese que espertou entre os veciños do rural lucense. Os populares tamén denunciaron que o exconcelleiro Rubén Arroxo ocultou que a empresa concesionaria do bus urbano, non desexaba continuar prestando o servizo, asegurando publicamente que era o Concello o que non tiña intención de renovar o contrato.

Pola súa banda, o actual concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, describiu a xestión do departamento que dirixía Maite Ferreiro como un auténtico “caos”, acusando aos anteriores responsables de saltar de maneira habitual os controis técnicos. Segundo indicou, esta forma de proceder deu como resultado unha importante acumulación de facturas sen pagar por mor dos reparos feitos por parte da Intervención municipal.

O exemplo máis evidente desta situación, segundo o PP, é o do Auditorio Fuxan os Ventos. Vázquez denunciou que o BNG inaugurou e puxo en funcionamento esta instalación “sen unha ordenanza de uso, sen taxas municipais reguladas e sen control da actividade”. Ademais, sinalou que actualmente existe unha reclamación nos xulgados polas facturas derivadas da xestión do espazo entre febreiro de 2025 e febreiro de 2026, que ascenden a un total de 140.925,12 euros. A empresa Alenti reclamou o aboamento destas cantidades despois de que a Intervención municipal formulase reparos ao seu pagamento.

Vázquez tamén lamentou, entre outras, a situación da Banda Municipal de Lugo, unha das agrupacións históricas do noso país, asegurando que na actualidade xa non existe como tal. Así mesmo, denunciou que a escola municipal de música leva un ano pechada, privando a numerosos alumnos e alumnas da súa formación musical.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com