Pode Alfonso Villares ser delegado da Xunta en Lugo?

O Foro Feminista de Lugo manifesta o rexeitamento absoluto ó nomeamento de Alfonso Villares como Subdelegado da Xunta de Galicia en Lugo.

Como ben é sabido o exconselleiro de Mar dimitiu do seu cargo catro meses máis tarde de coñecerse a denuncia por violencia sexual en febreiro de 2025.

A Audiencia provincial de A Coruña dita un sobresemento provisional e non un sobresemento libre, como solicitaba a defensa do investigado. Iso deixaría o caso completamente fechado, pero non foi así porque, ao tratarse dun sobresemento provisional, existe a posibilidade da súa reapertura coa aparición de novas probas.

O propio auto xudicial xustifica o sobresemento provisional pola existencia dun déficit probatorio que impide abrir o xuízo oral pero non conclúe que os feitos non tiveran lugar.

O Sr. Villares non foi declarado xudicialmente inocente pero o seu partido prémiao con unha responsabilidade política de primeiro orde na provincia de Lugo, representante da Xunta de Galicia.

As violencias contra as mulleres son a evidencia da desiguladade estrutural, e a súa consecuencia é que temos as liberdades e os dereitos fundamentais limitados para o pleno desenvolvemento nunha sociedade democrática e igualitaria.

Os poderes públicos son os responsables da loita pola eliminación das violencias contra as mulleres tal e como o ditan as normas legais galegas, estatais e internacionais e os distintos convenios suscritos a tal fin. Pero a pesar das leis e políticas activas contra o machismo estrutural moi a miúdo vemos representantes políticos denunciados e xulgados por violencias sexuais.

Os representantes políticos teñen que ter unha traxectoria política e persoal que acredite o seu compromiso na defensa da igualdade entre homes e mulleres e unha historia de vida que así o acredite.

É un mínimo que lle temos que esixir aos que nos representan. É unha condición indispensable para rematar coa normalización social da violencia machista. É unha débeda coas vítimas que como sabemos teñen moi difícil denunciar, demostrar os abusos e recibir reparación

Máis alá das declaracións baleiras e formais ESIXIMOS xustiza e reparación para as vítimas.

O SR. Villares non podes ser Delegado da Xunta en Lugo.

 

Foro Feminista de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com