A Mariña luguesa consolídase como destino de referencia dentro da oferta turística de Galicia”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que hoxe visitou Ribadeo con motivo das Festas de San Roque. Segundo salientou, “a comarca rexistrou un incremento do 9,4% no número de pernoctacións realizadas durante o primeiro semestre do ano, ata as 141.607 noites, e recibiu 75.869 visitantes entre xaneiro e xuño, un 4,5% máis que no mesmo período de 2024”.
Por mercados, os turistas procedentes do ámbito nacional que visitaron a Mariña Lucense nestes primeiros seis meses supuxeron o 85% do total, mentres que o restante 15% foron de procedencia internacional.
Os bos datos turísticos do xeodestino alíñanse coas cifras do total da comunidade. Durante o primeiro semestre, Galicia sumou un 4,5% máis de visitantes, ata os 2,9M.
As cifras supoñen ademais un avance na estratexia de desestacionalización da Xunta, con incrementos dun 6,7% de visitantes en xuño un 4,3% en xaneiro e un 3,1% en febreiro.