Chámase terrorismo aos actos de violencia executados para infundir terror e, por extensión, aos de grupos ou individuos que, pola súa violencia, inciden gravemente na convivencia. Por iso se fala de terrorismo cando unha persoa ou grupo orixina voluntariamente incendios forestais que poñen en grave perigo propiedades e vidas, e causan zozobra e dor colectivos. Os incendiarios poden ser descuidados ou delincuentes, pero o terror orixínano por igual.
Cando hai moitos anos eu preguntaba aos meus parentes das terras de Ourol polas causas dos incendios, nin coa confianza se aclaraban, pero viñan indicar que todos coñecían quen queimaba o monte. Daquela quedaba moi preto o terrorismo de estado que roubou os montes comunais, ateigados de gando dos labregos, para plantar pinos e multar a quen atentase contra eles. Daquela estaba a producirse o terrorismo pacífico de facer – por convicción – que as xentes das aldeas se fosen para as cidades para mellorar de vida.
Os nosos veciños abandoaron as aldeas e os montes, que quedaron a bravo, e hoxe arden porque perdemos o agarimo colectivo por un monte que non é noso; e que se é noso, xa non vale nada.
Miles de hectáreas ardidas dinnos que a prevención custaría moito menos que a difilísima extinción; pero tamén tentan indicarnos que un rural habitado, querido, respectado, valorado, ardería moito menos e faría progresar o país.
O terorismo pacífico dos cincuenta e sesenta, fixo e fai onte e agora arder os montes. Agora mesmo, o problema é de extinción. En canto estes fogos se apaguen, ten que empezar a prevención, a educación, o diálogo, a valoración, a política en fin.