A Deputación de Lugo asume a xestión e o mantemento dos 32 hortos urbanos dos Paxariños. A través dun acordo asinado entre o Concello de Lugo e a institución provincial, xestionaranse estes espazos de cultivo de titularidade municipal, que se distribúen en algo máis de 1.000 metros cadrados, e que se atopan entre a ladeira de Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, ao carón do barrio lucense de Xuíz.
O contrato terá unha duración de dous anos, desde estes últimos cinco meses do 2025 e ata os sete primeiros do 2027.
En canto aos terreos situados en Paxariños, o Concello ten asignados 31 das 32 parcelas dispoñibles, polo que os beneficiarios e beneficiarias poderán utilizar estes terreos de xeito gratuíto por un período de dous anos, prorrogables por outros dous. Así mesmo, a institución provincial porá á súa disposición un servizo de mantemento e de asesoría de balde. Os usuarios deberán mantelos en condicións óptimas, reservándose a Deputación o dereito a reclamalos en caso contrario.
O horto que queda dispoñible adxudicarase a través dun proceso de concorrencia competitiva, no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros.