Plan de mobilidade para acabar co caos de tráfico en Lugo

Lugo Rural Importa insta aos tres grupos municipais a pactar un plan de mobilidade para acabar co actual caos de tráfico.

A federación de asociacións de veciños Lugo Rural Importa fai un chamamento aos tres grupos políticos que conforman a corporación municipal lucense para consensuar un plan de mobilidade para Lugo, a desenvolver dende xa e nos próximos anos, goberne quen goberne.

Esta federación considera inaceptable o actual estado de cousas, no que o goberno (PSOE-BNG), carente dun proxecto de cidade, actúa en materia de ordenación do tráfico con improvisación, seguindo as arroutadas de cada un dos dous grupos e sen planificación de ningún tipo. O PP, pola súa parte, limítase a pouco máis que propoñer medidas puntuais, como a creación dun aparcadoiro en altura, que, sen ser unha mala
iniciativa, nin de lonxe resolvería o problema.

Boa proba da incapacidade de xestión de socialistas e nacionalistas é a falta dun sistema de regulación de aparcadoiros. Unha vez eliminada a ORA, PSOE e BNG foron incapaces de adoptar as decisións necesarias para repoñer este servizo, que facilita a rotación no uso das prazas. A falta de este sistema de control, que debera ser totalmente gratuíto, xunto ao disparate que é a organización do tráfico rodado dentro do recinto amurallado, ademais de crear graves problemas e riscos aos peóns, está a provocar a saturación das prazas para aparcar en zonas cada vez máis lonxe do casco amurallado. Como consecuencia, aumenta o tráfico en rúas con pouco ancho e, conseguintemente, o risco para a circulación rodada e peonil.

A apertura durante algunhas horas de espazos para estacionar, como o existente diante do Instituto Virxe dos Ollos Grandes, non resolve o problema en absoluto, porque, cando é máis grave, espazos como o citado son só para uso dos centros aos que pertencen. Pola súa parte, o PP é incapaz de conseguir a apertura do aparcadoiro creado pola Xunta ao pé da avenida Breogán. A pugna política dificulta a apertura deste espazo e pon de manifesto a necesidade de que, canto antes, os tres partidos con representación no Concello consensúen un plan de mobilidade que acabe dunha vez co caos actual.

Por certo, é evidente, para quen queira velo, que na actual situación medran considerablemente os comportamentos incívicos ao volante: paradas en lugares nos que se obstrúe o tráfico, así como en espazos reservados ao bus urbano e para carga e descarga, xiros sobre liñas continúas, etcétera.

Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com