A primeira vez que alguén se pronunciou sobre o meu posible sentir político, foi na Vilalba dos anos sesenta, cando Filiberto Álvarez, alcalde e Xefe do Movemento certificou por escrito que eu era afecto ao Movemento Nacional, persoa de boa conduta, e máis cousas polo estilo. Tiña eu daquela unha ducia de anos, e o papel era un pasaporte para o aprobado en Formación de Espíritu Nacional, da que el era profesor. Puro mecanismo de supervivencia.
Daquela, como agora, os xuizos sobre as crenzas políticas tamén as expedia algunha das partes en litixio. Todos sabiamos como circulaba cada quen, e os peóns sempre circulaban pola dereita. Neste momento, líbrenos Deus de ser enxuizados sobre os sentires, porque o que xulga considérase no dereito de encaixar cada persoa nun dos bandos en litixio. Ou comigo ou contra min. Non se contemplan independencias.
Non hai unha semana, alguén cualificoume de dereitas, coido que por ter participado nun libro, no que o xulgador tamén tiña parte activa. E a verdade é que non souben que dicir, sobre todo sabendo que a distinción comezou por sentarse nun ou noutro lado nunha tribuna, e vindo de persoa que non sei cualificar polas oscilacións propias de tempos sempre cambiantes, xa que sempre foi difícil navegar tratando de salvar a roupa.
Colocar hoxe a alguén nas dereitas ou nas esquerdas pode ser medicina para curarse en saúde; clasificar o incasificable, porque o individuo perigoso é o que pensa por libre. Puro mecanismo de supervivencia. Que difícil é para algúns (re)colocarse nun mundo no que, todo acaba situándose de xeito natural, quedando cadaquén no seu lugar.

