A Deputación de Lugo abre o vindeiro luns, 29 de decembro, o prazo de inscrición para anotarse nas primeiras 18 actividades gratuítas que organiza a institución provincial para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño. O calendario, que comezará o 2 de xaneiro e estenderase ata o 1 de abril, inclúe máis de 340 prazas dirixidas a público adulto e infantil. Todas as propostas terán lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño.
O primeiro curso, Robotix nature: innovado para o planeta, celebrarase do 2 ao 7 de xaneiro en horario de mañá e nela poderán participar nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade. Tamén en xaneiro realizaranse tres obradoiros para adultos sobre Podas de árbores, de froito e viñas; Creación dun pequeno invernadoiro e unha primeira edición do curso de Enxerto.
En febreiro, haberá outras dúas edicións do curso de Enxerto; unha proposta sobre a Arte de conservar e fermentar, que se realizará en horario de mañá ou tarde; e un curso de Técnicas de elaboración e traballo en feltro, no que se poderá participar tamén en horario de mañá ou tarde. Ademais, os máis cativos e cativas da casa aprenderán a crear máscaras e complementos naturais para o Entroido.
En marzo, hai previstas as seguintes propostas: Plantas culinarias, con opción de participar ou ben pola mañá ou ben pola tarde; Flores de papel; Limpeza e mantemento dos bosques. Prevención de incendios; Alta cociña na reserva e Baños de bosque. A última actividade deste primeiro trimestre do 2026 será Ecodetective de consumo: investigando símbolos e terá lugar do 30 de marzo ao 1 de abril.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982 227 812 e 982 305 930, enviando un correo electrónico a und.medioambiente@deputacionlugo.org ou a través da web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.






