O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a licitación do último treito da autovía que unirá Lugo e Sarria, a AG-22, suporá un eixo estratéxico de conectividade. “Vai vertebrar todo o sur da provincia de Lugo. Ter infraestruturas ben deseñadas e modernas supón vantaxes a nivel de rapidez, de comodidade e de seguridade”, salientou.
Tal e como explicou, o prazo de presentación de ofertas de empresas á licitación remata o 30 de xaneiro, mentres que “o prazo de execución das obras é de 36 meses” e a previsión é iniciar as obras “a inicios do segundo semestre de 2026”.
A intervención permitirá actuar nun treito de 13,5 quilómetros, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo. Entre as intervencións singulares previstas están os enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento de vía baixo a autovía A-54, a execución de dous viadutos no río Chamoso e no de Neira ou a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.
Este novo paso para converter o actual corredor nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Ofrecerá unha condución moito máis lineal, cómoda e previsible, reducindo significativamente os tempos de percorrido entre a capital e a comarca de Sarria, ao tempo que facilitará unha conexión moito máis eficiente cos grandes eixes de comunicación nacionais, como a A-6 e a A-54, que conflúen no nó de Nadela.
Espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo –estímase que circulen por ela máis de 8.000 vehículos ao día–.






