Pensaba escribir sobre as luces que proclaman nas noites lucenses que o Nadal aniña en nós, pero cruzóuseme o tema da reprobación do aínda Presidente Tomé por parte do P.P. e dos compañeiros de goberno do BNG, coa resistencia pasiva do que foi o seu partido.
As luces brillan no tempo no que todos vemos familia e vacacións, resignación polo pasado e anceios de melloría futura. E nas rúas que non teñen alumeado nadaleiro público, os particulares encárganse de lembrar que alí brilla ma festa, aínda que os orzamentos públicos non dean para tanta luminaria. Que hay que recoñecer que Concello e Deputación aplicáronse á brillantez luminosa na zona máis visible da capital, sendo a inauguración da da Deputación un dos últimos actos de Tomé antes do Big bang.
Se o comezo de todo foi a explosión primixenia, a inauguración das luces en San Marcos pareceu ter similar función, colapsando o Psoe ata os cementos, deixando descolocado ao Bng, e alertando ao P.P. de que todo pode ser posible. Como medida hixiénico-política, P.P. e B.N.G., póñense de acordo para reprobar a Tomé – polo de agora presunto- co PSOE lambendo as feridas, mantendo o tipo.
E nestas, que un xulgado decide que non vai proceder contra o ex conselleiro Villares porque non atopa razóns para encausalo pola acusación que lle costou a Consellería. A reprobación de Tomé prodúcese cando o caso non fai máis que comezar, entendéndose que é pola vertente puramente política.
En tempo de luces, haxa luz para todo o público, como simboliza o alarde lumínico institucional; e que cada gobernante teña luz propia, que lle axude a camiñar sen que outro sinal o deslumbre. Feliz difícil ano 2026!.


