A Asociación para a defensa ecolóxica de Galicai (ADEGA) ven de denunciar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica activou o procedemento de consulta previa para establecer as bases reguladoras dos concursos de adxudicación de potencia eólica mariña, que se localizarán nas Zonas de Alto Potencial definidas nos POEM de 2023. Galiza conta con cinco ZAP no seu ámbito mariño. Segundo o marco vixente, os proxectos de eólica mariña desenvolveranse nas denominadas Zonas de Alto Potencial (ZAP), recollidas nos Plans de Ordenamento do Espazo Mariño (POEM), aprobados en 2023. No caso de Galiza, están identificadas cinco destas zonas en augas da súa costa.
Porén, en novembro do ano pasado o propio Ministerio iniciou tamén o procedemento de consulta ambiental correspondente ao segundo ciclo de planificación dos POEM, que deberá estar finalizado antes de finais de 2027. Durante a fase de avaliación do primeiro ciclo, diversas organizacións ecoloxistas e sectoriais advertiran de limitacións na planificación inicial, ao considerar que non se abordaban de forma suficiente determinados impactos, como os efectos sobre a pesca artesanal, a paisaxe ou a fauna mariña, incluídos os cetáceos.
No novo proceso de revisión, o Ministerio aposta por unha reformulación máis ampla da planificación mariña. Entre os criterios que se prevé incorporar figuran a reserva de zonas para o amortecemento de impactos, a restauración da biodiversidade, a consideración das afeccións a caladoiros e áreas de cría, o risco de colisión con cetáceos ou o papel dos ecosistemas mariños como sumidoiros de carbono.
A introdución destes novos criterios podería supoñer modificacións relevantes nas zonas inicialmente identificadas como de alto potencial eólico fronte ás costas galegas. Con todo, e antes de que conclúa esta revisión, o Ministerio deu comezo aos trámites para licitar proxectos nas ZAP definidas no primeiro ciclo dos POEM, que poderían ser alteradas como resultado do proceso actualmente en marcha.
Desde a asociación ecoloxista ADEGA consideran que esta situación pode derivar nun problema de planificación e mesmo nunha fonte de inseguridade xurídica para os futuros proxectos. A entidade anunciou que solicitará ao Ministerio que non se convoquen concursos de eólica mariña ata que finalice a revisión dos plans de ordenamento vixentes, co obxectivo de garantir unha planificación coherente co novo marco ambiental.
Para ADEGA, trátase dun grave erro de planificación, motivado pola presión do lobby enerxético que, ademais, podería introducir un factor de inseguridade xurídica para o desenvolvemento dos proxectos.






