A Xunta de Galicia iniciará actuacións de emerxencia para reconstruír e reparar os danos provocados polas intensas chuvias na Muralla Romana de Lugo, logo de que se producise un desprendemento de pedras no seu lenzo interior á altura da rúa do Moucho, entre as portas do Carme e de Santiago.
O anuncio foi realizado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha visita á zona afectada, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Segundo explicou o responsable autonómico, o derrube non causou danos persoais e afectou a un tramo interior que non forma parte do trazado orixinal da muralla romana, senón que corresponde a unha reconstrución levada a cabo arredor dos anos vinte do século pasado. As precipitacións rexistradas nas últimas xornadas foron a causa principal deste desprendemento.
López Campos subliñou que a muralla de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000, “é un ben de valor universal excepcional” e asegurou que será obxecto das intervencións necesarias para garantir a súa conservación. Nese sentido, indicou que a Consellería actuará “coa maior celeridade posible” para solucionar as patoloxías causadas pola auga.
Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural realizaron xa unha primeira inspección na noite do luns e está previsto que os traballos comecen de inmediato. Ademais, nos vindeiros días levarase a cabo unha revisión completa de todo o trazado da muralla para detectar posibles danos noutros puntos, aproveitando os sistemas de monitorización recollidos no Plan Director.
Non é a primeira vez que a muralla romana de Lugo sofre danos a consecuencia das choivas. O último derrube rexistrado produciuse pouco despois do seu recoñecemento por parte da Unesco e afectou a un tramo próximo ao hospital de Santa María.






