Alonso Montero

O cualificativo de “vello profesor” asignouse a Tierno Galván no tardofranquismo e comezo da democracia, pero tamén os lucenses o utilizamos para o profesor Fraguas cando creou escola en Lugo, e desde logo con Alonso Montero, que en Lugo creou unha escola de poetas na que figuran – Barrio, Rábade, Darío, Fiz ou os Valcárcel… – os mellores versificadores deste país.

Os que foron seus alumnos venerábano. Eu, que só era devoto amigo, cometía acotío o pecado de atualo sen que iso significase deixar de recoñecer a distancia sideral que entre nós existía no coñecemento e nas querenzas pola escrita e polo país.

Compartíamos o agarimo e devoción polo escritor Manolo Rodríguez, do que con Santiago Rodríguez, o fillo, fixo Antoloxía. E lembreino este sábado en Braga onde fomos coa nova exposición sobre o escritor amigo.

Era tan grande o vello profesor que foi quen de aceptar ser Fillo Adoptivo de Lugo, a pesar de que o Bloque lle puxese a proa, porque tiña tan gañada a distinción de Grande entre os lucenses, que non había máis remedio que santificalo. E quizais o seu corpo entendeu que despois de que Lugo se fixese máis grande ao recoñecerlle os méritos a prol da cidade bimilenaria, non lle quedaba nada por facer neste planeta galego que se rendeu a el hai moito tempo.

Eu non sei se bos comunistas cren no máis aló, pero os que cremos que ten que haber algo máis despois desta vida terrea, entendemos que Alonso Montero ten alí un lugar de privilexio, para seguir contaxiando de galeguismo, de cultura e bonhomía a todos os que a el se acheguen.

Xulio Xíz

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com