Therians

En terras relacionadas coa miña nenez, circulaba mediado o pasado século unha historia de amores nefandos, dos que se contaba que naceran pequenos monstros mestura de humano e cánido, que a familia se ocupara de facer desaparecer. Non se sinalaban persoas pero contábase como certo, quizais como aviso para evitar comportamentos bestiais. De pouco valía que os entendidos dixeran que na natureza era imposible que se deran eses desaxustes, e a historia escoiteina varias veces, antes e despois de entendela.

O achegamento dos humanos aos cánidos produciuse pola súa utilidade para a defensa, vixiancia, compañía…pero foi a pandemia de 2020 o que provocou o especial achegamento dos tempos actuais nos que os humanos precisamos máis acompañamento – axuda, ao fin – dos cánidos caseiros ca eles a nosa protección, co natural incremento da dependencia humana, que compensa aos animais con vestimenta, alimentación especial, atención sanitaria e, tras do final da vida do animal, dorida lembranza.

Podería pensarse que os “therians” aparecen por pura envexa dos coidados que os animais reciben ao ser considerados membros da unidade familiar, adoptando posturas e disfraces que lles dan apariencia do animal que quixeran ser. Pero o problema debe ser bastante máis profundo, tanto nos afectados como nos que contemplan este fenómeno que non será nefando, pero resulta moi raro.

Será imposible que os xenes de seres de distinto orden do reino animal xermolen para conformar unha entidade franquensteniana, pero vese que mentalmente as persoas poden camiñar por vieiros incógnitos que conducen a paraisos perdidos que ata agora coñeciamos polo nombre vulgar de “tolemia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com