A proxección e posterior coloquio dos videoclips finalistas aos XXIV Premios Mestre Mateo terá lugar mañá, 12 de marzo, ás 20.15 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, coa participación de artistas e membros dos equipos de produción e realización dos audiovisuais.
O acto contará coa participación de Fran Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario, do videoclip de “Ferido” de O Xoán; de Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra, nomeadas polo videoclip de “Hibernarse”; de Sabela Ramil e Paula Pereira, directora do videoclip “Non cho podo dar” e de Nuno García Pico e Xaime Miranda, director do videoclip de “Ontes fun moi malo” de Grande Amore. Conducirá e moderará o coloquio Laura Lamontagne, que tamén actuará durante o acto.
A actividade, gratuíta e con entrada libre, amplía a programación organizada nas últimas semanas pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da celebración en Lugo da XXIV Premios Mestre Mateo, que se entregarán por primeira vez en Lugo, no Auditorio Fuxan Os Ventos, o vindeiro 21 de marzo.
Fotografía: videoclip “Ferido”.






