Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da Universidade de Santiago

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tras resultar elixida nas eleccións ao reitorado con 1.397 votos ponderados. A outra candidata, a catedrática de Óptica Maite Flores, obtivo 721 votos ponderados, mentres que se rexistraron 148 votos en branco.

A proclamación provisional da reitora electa está prevista para o 12 de marzo. Entre o 13 e o 20 de marzo abrirase o prazo para presentar recursos ante a Comisión Electoral Central, e a proclamación definitiva terá lugar o 23 de marzo.

Crujeiras obtivo o apoio maioritario en todos os sectores da comunidade universitaria: 666 votos ponderados no Sector I (persoal docente e investigador con vinculación permanente), 150 no Sector II (resto do PDI), 424 no Sector III (estudantado) e 157 no Sector IV (Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos). Pola súa parte, Flores acadou 414 votos ponderados no Sector I, 83 no Sector II, 169 no Sector III e 55 no Sector IV.

En canto á participación, emitíronse 9.664 votos. A porcentaxe de participación foi do 87,37% no Sector I, do 59,37% no Sector II, do 26,99% no Sector III e do 77,75% no Sector IV.

O actual reitor da USC, Antonio López Díaz, felicitou a Crujeiras polo resultado e desexoulle éxito no novo mandato, ao tempo que salientou a elevada participación nas eleccións, que considerou un elemento que reforza a lexitimidade da nova reitora.

Licenciada en Matemáticas pola USC en 2001, Crujeiras doutorouse en Estatística e Investigación Operativa en 2007 e realizou unha etapa posdoutoral na Université catholique de Louvain (Bélxica). A súa actividade investigadora céntrase no ámbito da estatística non paramétrica e conta con publicacións en revistas científicas internacionais.

Ao longo da súa carreira tamén desenvolveu actividade docente en distintas facultades da USC e participou na coordinación de programas de doutoramento. No ámbito da xestión universitaria ocupou diversos cargos, entre eles secretaria académica do Instituto de Matemáticas, vicedecana da Facultade de Matemáticas e vicerreitora. Entre 2021 e 2025 foi directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

A súa traxectoria científica foi recoñecida con diversos galardóns, entre eles o Premio ao Novo Talento Científico Feminino 2023 da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística outorgado pola Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e a Fundación BBVA en 2024.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com