As asociacións de gandeiros e gandeiras OPL e AGROMURALLA, que agrupan preto de 1.000 produtores de leite de vaca en todo o territorio español, advertiron da baixada de prezos en orixe proposta polas industrias lácteas nos contratos que se están a presentar para a súa renovación ante a próxima finalización dos actuais.
Segundo indican, Galicia concentra arredor do 40 % da produción láctea estatal e é, ademais, o territorio no que se producen antes as renovacións contractuais. Por este motivo, os prezos que se pacten nesta comunidade poderían influír na evolución do mercado no conxunto de España nos vindeiros meses.
As organizacións sinalan que as industrias xa anticiparan unha redución de prezos nas ofertas realizadas hai dous meses, aínda que apuntaban a que esta non sería tan significativa. Non obstante, indican que nos últimos días empresas como “Leche Río, Lactalis ou Naturleite concretaron propostas que supoñen baixadas de entre 7 e 9 céntimos por litro”.
Desde OPL e AGROMURALLA considérase que esta redución non se corresponde coa evolución recente dos prezos noutros mercados, nos que produtos como o leite líquido, a nata ou a manteiga experimentaron incrementos nos últimos dous meses.
As asociacións tamén subliñan que esta situación coincide cun aumento dos custos de produción nas explotacións, derivado do encarecemento de insumos como o gasóleo, a electricidade ou os fertilizantes.
Neste contexto, ambas organizacións recomendan aos produtores non asinar os contratos nas condicións actuais e continuar co proceso de negociación coas industrias. Así mesmo, advirten de que, de manterse esta tendencia, poderían adoptarse medidas adicionais por parte do sector.






