Abraham Cupeiro dará un concerto único para celebrar o XXV aniversario do Arde Lucus

O multiinstrumentista e musicólogo galego, Abraham Cupeiro, dará un concerto que servirá de colofón ao 25 aniversario da festa de recreación histórica do Arde Lvcvs. A Praza de Santa María será o escenario no que actuará o músico de Sarria, nun recital gratuíto que será único o domingo, 21 de xuño, posto que se está a crear exclusivamente para o Arde Lvcvs, tal e como explicou o propio artista.

Segundo se deu a coñecer na propia rolda de prensa de presentación desta actuación, Cupeiro esta a construír algúns dos karnyx que utilizará no concerto, así como outros instrumentos ancestrais, empregados con fins bélicos pero tamén en rituais, que fabrica de xeito artesanal.

Segundo explicou o propio Cupeiro, este espectáculo, no que leva mes e medio traballando, está concebido expresamente para esta festa “nunha praza que é especial para min e na que sempre soñei con tocar, polo que estou moi agradecido”.

Así, está previsto que as súas obras máis emblemáticas como O Anel de Pedra, a banda sonora da Muralla, soen xunto a composicións inéditas creadas para a ocasión, nas que o musicólogo galego estará arroupado por un ensemble de 10 músicos. O propio Abraham Cupeiro sinalou que “para este concerto instrumentos como o cornus romano se unirán a outros moi presentes nas culturas célticas de toda Europa, como o karnyx, un instrumento que sonou hai uns días no Stade de France, o estadio nacional de Francia, pero a sonoridade desta praza é algo bastante especial”.

Cupeiro adiantou que “o gran fito desta proposta histórica será escoitar, por primeira vez en milenios, tres cornos romanos e tres karnyx celtas resoando ao unísono”. De feito, son os mesmos instrumentos, fabricados por el, cos que gravaron a banda sonora de Gladiator II. Hai que ter en conta que “pese a que estes instrumentos son pezas destacadas na miña obra, en ningunha outra parte do mundo se poderán ver todos soando á vez”, comentou Cupeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com