O Concello de Lugo, a través da iniciativa EcoLugo e en colaboración coa Concellería de Transición Ecolóxica, puxo en marcha a campaña “Luguau: Deixa a súa pegada, non os seus ouriños”, unha acción de sensibilización dirixida ás persoas propietarias de cans co obxectivo de fomentar a limpeza da vía pública e mellorar a convivencia cidadá.
A campaña desenvolverase os días 26 e 27 de marzo en distintas prazas de catro barrios da cidade, cun reparto gratuíto de kits de limpeza en horario de mañá e tarde. O xoves 26, a actividade terá lugar na Praza do Camiño Primitivo (de 10:00 a 14:00 horas) e na Praza Augas Férreas (de 16:00 a 20:00 horas). O venres 27, trasladarase á Praza da Milagrosa (de 10:00 a 14:00 horas) e á Praza do Campo Castelo (de 16:00 a 20:00 horas).
Os kits inclúen unha botella de vinagre branco, un recipiente para realizar a mestura e un folleto explicativo coas instrucións de uso. Recoméndase empregar unha mestura ao 50 % de auga e vinagre branco, ou ben auga con xabón, para verter posteriormente sobre os ouriños dos cans e evitar manchas e malos cheiros.
Ademais do reparto de material, a campaña contará con carpas informativas en distintos puntos da cidade, nas que se ofrecerá información directa sobre boas prácticas, así como accións dixitais de sensibilización para reforzar a mensaxe de corresponsabilidade.
Trátase dunha iniciativa centrada nunha cuestión cotiá que require da implicación da cidadanía, destacando que pequenos xestos poden contribuír a mellorar o estado das rúas. Tamén subliñou que a acción ten un carácter pedagóxico, orientado a facilitar ferramentas prácticas á veciñanza e a promover o coidado compartido do espazo público.
Desde o Concello sinalan que a campaña busca reforzar a responsabilidade das persoas con mascotas no mantemento dos espazos públicos e das fachadas das vivendas privadas, contribuíndo á mellora das condicións de limpeza da cidade. Finalmente, anímase á veciñanza a participar na iniciativa e a adoptar hábitos responsables.






