A sede da Xunta de Galicia en Lugo acolle desde hoxe unha exposición que conmemora o 40 aniversario do grupo de Amnistía Internacional na provincia. A mostra poderá visitarse ata o 24 de abril e repasa, a través de fotografías, artigos de prensa e cartas, algúns dos casos nos que o colectivo se implicou desde a súa creación en decembro de 1986.
Na inauguración participaron, entre outros, o delegado territorial, Javier Arias, e Carlos Fernández, membro do grupo desde os seus inicios. O percorrido destaca o labor desenvolvido na defensa dos dereitos humanos, especialmente na liberación de presos de conciencia e na denuncia de abusos en distintos países.
Entre os documentos expostos figura unha carta do daquela arcebispo de Buenos Aires, Jorge Mario Bergoglio —posteriormente Papa Francisco—, en relación coa defensa do sacerdote Antonio Puigjané, encarcerado inxustamente na Arxentina durante trece anos.
A mostra, que conta coa colaboración de El Progreso, recolle tamén accións de apoio a persoas en países como Cuba, Brasil ou Guinea Ecuatorial, así como mobilizacións na cidade, desde a protesta pola matanza de Tiananmen en 1989 ata iniciativas máis recentes.
Esta exposición abre o programa de actividades polo aniversario, que inclúe esta fin de semana a celebración en Lugo da 52 Asemblea Xeral da sección española de Amnistía Internacional, coa asistencia prevista dunhas 200 persoas.






