Neste país que vai para vello porque cara aló imos boa parte dos habitantes, para un pobo contar cunha residencia de maiores provoca a mesma ansia ca a que en tempos se experimentaba coa construción de colexios.
Polo avance do calendario, cada ano precisamos maior número de prazas para atender a crecente demanda, e a cada urxencia que xurde nunha familia comeza a chamada ás residencias existentes ata conseguir solucionar o problema.
Becerreá hai anos que agarda por unha residencia de gran capacidade, e o seu alcalde leva revolto Becerreá con Santiago, Lugo e a Coruña para que a residencia se abra dunha vez culpando á Deputación do gran retraso, utilizando peticións, protestas, manifestacións, campañas publicitarias, milleiros de sinaturas e un funeral.
O Alcalde Manuel Martínez, de alma socialista, verso libre nun mundo no que non adoita florecer a poesía, mantén coa presidencia socialista da Deputación lucense vellas discrepancias que veñen de clarificarse a xeito de sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dando a razón ao alcalde e condenando á Deputación a completar a apertura do centro.
Alégrome polo Alcalde, os becerrenses e os futuros usuarios, pero tamén porque se abra unha instalación xa construída, que albergará vida que precisa axuda, e actividade – fonte de vida – para moitas persoas. E cavilo que estas cousas ben podían amañarse sen a intervención da Xustiza neste desaxuste institucional que parece provocado porque o Alcalde de Becerreá pon o seu papel de representante dun pobo por diante das obediencias debidas ou supostas.



