O transfuguismo político é unha deslealdade, tanto cara as forzas políticas que depositaron a súa confianza en persoas que posteriormente acreditan non ser merecedoras dela, como cara os electores que emiten o seu voto desde a constatación evidente de tal inclusión. É, ademais, unha forma de corrupción e unha práctica antidemocrática que altera as maiorías expresadas pola cidadanía nas urnas e que teñen reflexo no Pleno.
O Pacto Antitransfuguismo, aprobado en xullo de 1998 polas forzas políticas con representación parlamentaria, e actualizado por última vez en novembro de 2020, establece que os partidos políticos asinantes “comprométense a rexeitar e non admitir no seu grupo político a un concelleiro/a integrado na candidatura doutra formación, mentres manteña o cargo conseguido no seu partido orixinal”. Así mesmo, comprométense “a impedir a utilización de tránsfugas para constituír, manter ou cambiar as maiorías de Goberno das institucións públicas, a non apoiar ningunha iniciativa que proveña dos mesmos, e a desincentivar o transfuguismo político a través da adopción de medidas disuasorias de carácter económico, regulamentario e protocolario”.
O denominado “Acordo sobre un código de conduta política en relación co transfuguismo nas corporacións locais” foi asinado pola maioría dos partidos políticos deste país, incluído o PP, aínda que abandonase o pacto en 2021. O PP asinou o acordo antitransfuguismo pero non o cumpre, de xeito que a súa palabra é papel mollado. E quen non cumpre os pactos e acordos, sexa o partido que sexa, non é de fiar nin agora nin no futuro.
No Pacto Antitransfuguismo defínese como tránsfuga a “os representantes locais que, traizoando aos seus compañeiros de lista e/o de grupo mantendo estes últimos a súa lealdade coa formación política que os presentou nas correspondentes eleccións locais-, ou apartándose individualmente ou en grupo do criterio fixado polos órganos competentes das formacións políticas que os presentaron, ou sendo expulsados destas, pactan con outras forzas para cambiar ou manter a maioría gobernante nunha entidade local, ou ben dificultan ou fan imposible á devandita maioría o goberno da entidade”.
No caso do Concello de Lugo, o ético sería que a concelleira tránsfuga do PSOE, María Reigosa, deixase a súa acta se as decisións do partido entraban en contradición coa súa vontade particular. Neste caso concreto, e de cara a súa posible inclusión no goberno local, hai que esixir que se aplique con todo rigor a Lei de Bases de Réxime Local, que no seu artigo 73.3 afirma que “os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles tivesen correspondido de permanecer no grupo de procedencia”. Neste sentido, unha sentenza do Tribunal Supremo do 27 de outubro de 2020 ditaminou que os concelleiros tránsfugas nos concellos non poden asumir “novos cargos ou retribucións que supoñan melloras privados, políticas ou económicas”.
Ante a moción de censura presentada por Elena Candia e o Partido Popular no Concello de Lugo, amparada no apoio dunha concelleira tránsfuga, a resposta debe ser o rexeitamento social a estas prácticas, que antepoñen o cargo e o beneficio particular ao interese colectivo e contribúen a menoscabar, aínda máis, a credibilidade nos procesos políticos e nas institucións.



