A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu este xoves a presentación da segunda edición da gala solidaria Diez Raz10nes, que se celebrará o vindeiro 15 de maio no Círculo das Artes. O evento conta coa Xunta de Galicia como principal patrocinador e reúne a profesionais da gastronomía, empresas lucenses e entidades sociais nunha iniciativa de carácter benéfico.
Durante a presentación déronse a coñecer os principais detalles dunha cita que nesta edición incorpora a participación do actor e humorista Xosé Antonio Touriñán. A gala estará conducida novamente polo Mago Rafa e incluirá actuacións musicais en directo a cargo do grupo Los Hijos de la Vecina e do centro Glissando.
No acto participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado por representantes das empresas promotoras do evento —Allentum, Atalaya, Os Cachivaches, Kronos e Restaurante España— así como por membros doutras entidades colaboradoras.
Durante a súa intervención, Arias destacou o valor dunha iniciativa que combina gastronomía e solidariedade, aproveitando o potencial da cociña galega para apoiar proxectos de carácter social e sanitario. Os fondos recadados nesta edición destinaranse a financiar iniciativas impulsadas por Alume Saúde Mental e pola área de Humanización do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
A gala contará coa participación de 16 cociñeiros procedentes de Lugo e doutras provincias galegas, que suman un total de oito soles Repsol. Segundo explicaron os organizadores, será a primeira vez que un evento destas características reúna a chefs pertencentes ás cinco asociacións gastronómicas galegas: grupo NOVE, Cociñeiros Lugo, Vigo Gastronómico, Coruña Cociña e Ourense Cociña.
En relación cos proxectos beneficiarios, a recadación servirá para apoiar o programa “Menos soidade, máis vida”, promovido por Alume para mellorar a calidade de vida de persoas maiores con trastorno mental grave. Tamén contribuirá ao desenvolvemento de “Murallalandia”, unha iniciativa impulsada pola área de Humanización do HULA para crear un parque terapéutico, inclusivo e cultural no recinto hospitalario.
A organización destacou de que toda a información relativa á gala, así como a adquisición de entradas, está dispoñible na páxina web habilitada para o evento.






