O 1 de maio, coñecido como o Día Internacional dos Traballadores, ten a súa orixe nas loitas obreiras do século XIX por mellorar as condicións laborais, especialmente pola conquista da xornada de oito horas.
Todo comeza nos Estados Unidos, onde o rápido proceso de industrialización provocara xornadas laborais moi longas, que podían superar as 12 ou 14 horas diarias. Ante esta situación, sindicatos e movementos obreiros convocaron unha gran mobilización para o 1 de maio de 1886, esixindo a redución da xornada laboral.
Un dos episodios máis relevantes foi a Revolta de Haymarket, en Chicago. Durante unha protesta, estalou unha bomba que provocou a morte de varios policías e manifestantes. A resposta das autoridades foi moi dura: varios líderes obreiros foron detidos e algúns executados, converténdose en símbolos da loita polos dereitos laborais.
Anos despois, en 1889, a Segunda Internacional decidiu declarar o 1 de maio como día de reivindicación mundial en homenaxe a estes feitos. Dende entón, a data consolidouse como unha xornada de mobilización e memoria destes tráxicos sucesos en moitos países.
O Movemento Obreiro Galego
A historia do movemento obreiro en Galiza está profundamente ligada aos procesos de industrialización tardía e ás duras condicións de vida da clase traballadora, especialmente entre finais do século XIX e comezos do XX. Nos primeiros momentos, o país estaba conformado por unha sociedade maioritariamente agraria, pero cidades como Ferrol, Vigo e A Coruña comezaron a desenvolver núcleos industriais importantes. En Ferrol, os estaleiros navais foron un foco clave de organización obreira; en Vigo, a industria conserveira e o porto; e na Coruña, diferentes sectores industriais e de servizos.
Ao albor desta incipiente industrialización, xorden as primeiras organizacións obreiras influídas por ideoloxías como o anarquismo e o socialismo. Neste contexto, a Confederación Nacional do Traballo tivo unha presenza destacada en Galicia, promovendo folgas e mobilizacións para mellorar as condicións laborais. Tamén o socialismo, representado pola Unión General de Trabajadores, foi collendo forza.
Durante a Segunda República (1931-1936), o movemento obreiro galego viviu un período de maior actividade e organización, con avances en dereitos laborais. Porén, esta etapa viuse truncada polo golpe militar de 1936 e a posterior ditadura franquista, que reprimiu duramente sindicatos e activistas.
10 de marzo Día da Clase Obreira Galega,
Non sería ata os derradeiros anos da ditadura franquista que o movemento obreiro se volvera a organizar, e este desenvolvíase na clandestinidade arredor da central comunista CC.OO.
A celebración do día da Clase Obreira Galega ten a súa orixe nos sucesos acontecidos o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, cando unha forte mobilización dos traballadores do naval rematou cunha dura represión policial. Durante aquelas protestas foron asasinados dous obreiros, Amador Rey e Daniel Niebla, converténdose dende aquela data, en símbolos da loita polos dereitos laborais en Galicia. Ambos estaban vinculados ao movemento obreiro clandestino organizado na contorna de Comisiones Obreras.
No contexto do final da ditadura e da transición comezou a alborexar, o movemento sindical galego creando na orbita nacionalista con organizacións propias que buscaban defender os intereses da clase traballadora desde unha perspectiva galega. As primeiras foron o SOG (Sindicato Obreiro Galego), creado nos anos 70, que tivo un papel importante na organización das loitas obreiras e na introdución dun sindicalismo de carácter nacionalista, é non menos importante o Sindicato Labrego Galego, que defendía e defende os interese dos propietarios das explotacións gandeiras e agrícolas.
A desaparición do SOG, ou mellor, a transformación deste sindicato, deu como froito a Intersindical Nacional Galega, que apostaba por un sindicalismo combativo e ligado á realidade social e política de Galicia, pero as tensións internas e diferenzas estratéxicas levaron á separación das dúas correntes que coexistían dentro do sindicato e logo de duros enfrontamentos, mesmo físicos, produciuse a excisión que deu como a resultado a aparición de dúas novas centrais sindicais nacionalistas: a CXTG e a INTG. Andando o tempo, ambas organizacións volveron colaborar, presentándose inicialmente coaligadas as eleccións sindicais, para finalmente confluír dando como resultado a Confederación Intersindical Galega, non sen unha forte oposición en sectores da CXTG que preferían manter as súas siglas. A pesar destas diferenzas, á unificación consolidouse e alumeo o central nacionalista actual,CIG, na que iso si, seguen vivas esas dúas correntes históricas.



