A Xunta de Galicia impulsará a celebración do foro ‘España Verde: Un destino de calidade’ o vindeiro 19 de xuño no Real Club Náutico de Ribadeo, co obxectivo de reforzar a oferta turística da Mariña lucense e analizar os retos de futuro do sector.
Na xornada, na que participará o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, daranse cita representantes institucionais, profesionais do turismo e outros axentes vinculados á artesanía, a calidade alimentaria e o Xacobeo.
O encontro servirá para afondar nos desafíos climáticos e na evolución cara a modelos turísticos máis sostibles, nun contexto no que os territorios da España Verde —Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi— están a consolidarse como destinos refuxio fronte ás altas temperaturas.
O programa inclúe dúas mesas redondas dedicadas a ‘España Verde’ e ‘Galicia Calidade’, ademais dun relatorio sobre o potencial da Mariña como destino turístico. Pola tarde, os asistentes participarán nunha ruta por distintos espazos naturais e patrimoniais da comarca.
Creada en 1989 co apoio de Turespaña, a marca España Verde reúne máis de 14 Reservas da Biosfera da UNESCO, 25 parques naturais, preto de 2.000 quilómetros de costa e 2.800 aloxamentos rurais. Na súa estratexia para 2026 aposta por reforzar a promoción en mercados internacionais e avanzar na súa transformación dixital.






