A nova alcaldesa de Lugo, Elena Candia López, puxo en marcha a estrutura do novo goberno municipal coa distribución das áreas de responsabilidade entre os membros do executivo local. O decreto de organización xa foi remitido aos servizos xurídicos para a súa sinatura, co propósito de iniciar “desde o minuto cero” o desenvolvemento das propostas recollidas no Plan de Acción para Lugo.
Segundo explicou a rexedora, o novo equipo de goberno nace coa intención de impulsar unha administración “máis próxima, resolutiva e centrada na mellora dos servizos públicos, da xestión municipal e da atención á veciñanza”.
A distribución das competencias municipais queda organizada do seguinte xeito:
- Elena Candia López asumirá as áreas de Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos e Seguridade.
- Cristina Sanz Arias estará á fronte de Dinamización Económica e Relacións Institucionais.
- Antonio Ameijide Osorio encargarase de Mobilidade e Obras.
- Javier Vázquez Prado asumirá Cultura e Educación.
- Flor Rubinos Rois dirixirá a área de Zona Rural.
- Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez será o responsable de Urbanismo.
- Gustavo Enrique Díaz Rey ocuparase de Política Social, Maiores e Migración.
- Agustín Gallego Vigo liderará Turismo e Museos.
- Mar Carballas Piñeiro asumirá Economía, Participación, Servizos á Veciñanza e Benestar Animal.
- Damián Carballo Méndez será o responsable de Deportes, Infancia e Xuventude.
- Aurora Aida Goás Castro ocuparase de Muller e Conciliación.
- Silvia Colmenero Guzmán dirixirá Industria e Mercados.
Ademais, a concelleira non adscrita María Reigosa Castro desenvolverá labores de supervisión política e programática das actuacións municipais en materia de infraestruturas de maneira transversal, en cumprimento do artigo 73.3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.
Con esta reorganización, o novo executivo municipal pretende acelerar a posta en marcha das preto de cincuenta medidas incluídas no seu programa de goberno para a cidade.






